Estructura web

jueves, 23 de abril de 2015

Maratón Atlántica Coruña-42: débeda saldada por Toño

Esta crónica e esta proba dedicámola ao noso Presi, a don Francisco Martínez.

Os amigos sempre están onde deben estar, onde teñen que estar.Os amigos están nos corazóns. Tamén poden estar noutros lugares pero só os mellores están no corazón.

En febreiro asumín definitivamente que non podería adestrar ao meu gusto para a maratona da Coruña. Pero, coa axuda dunha pantasma, xurdiu unha idea: proporlle a Pili facela xuntos. Esta distancia debíanos unha a Pili e a min.

Desde setembro de 2010 esta parelliña de veteráns acordáramos preparar a maratona de Barcelona que se desenvolvería no marzo seguinte. Moitos quilómetros xuntos coa ilusión dela de baixar de 3.20´e a miña das 3 horas. Pero non puido ser: da case a desesparación á ilusión por poder estar no asfalto de novo. Esta distancia debíanos unha… e a maratona Atlántica foi o intre de saldar a débeda.

Non adestramos moito. Ela só tres días por semana. Eu en xaneiro fixen 190 km, en febreiro 128 para subir ata os 344 en marzo. Ata o 14 de abril levaba 156 km. Desde finais de febreiro tratamos de facer varios adestramentos xuntos, especialmente as tiradas longas para practicar, sobre todo, o beber correndo e a inxesta de xeles (canto nos deu de si este tema) entre a Torre e o Milenium. A contrapartida ao escaso adestramento foi a ausencia de presión. Adestramos tranquilos e confiados en facer todo o que puideramos.

Por obxectivo a acadar, ademais de chegar á meta, pensamos en baixar das 3.30´ pero saíndo a ritmo de 3.25´. E iso por varias razón, en primeiro lugar as obxectivas: Pili estaba capacitada para consegulio (Coruña-10: 43.44´´ Coruña-21: 1.34.27´´), en segundo lugar polas afectivas: na súa primeira maratón (Mapoma 2008) xa fixera 3.30´ e na súa segunda (Mapoma 2009) fixera 3.26.12´´… E, ademais, o pantasma  andaba a lembrar que neste temporada ela acadara o primeiro posto da categoría tanto en Coruña-10 como en Coruña-21, faltando Coruña-42.

NOTA DE RESPONSABILIDADE: o sábado anterior á proba, esta parelliña saíu trotar uns escasos quilómetros. Foi unha media hora na que aproveitamos para poñernos de acordo en toda a intendencia da maratón (horarios de recollidas, aparcamentos, duchas…) Mais xurdiu unha dúbida á hora de falar do ritmo de saída e durante a proba: déixame toda a responsabilidade, que tire ao ritmo que considere… Que farei? Tirarei para ir pola súa MMP ou deberei ser prudente e marcar un ritmo de 5´/km?

Chegamos con tempo para tirar a fotos cos maratonianos e maratonianas do CAS e de pasar polo control de chamada. Non facemos quecemento. Con puntualidade deuse a saída. O tempo foi estupendo: fresco e cuberto. Saimos xuntos pero aparentemente demasiado rápido, mesmo adiantamos ao globo de 3.15´ porque era moi numeroso e incordiábanos para correr. Cando vemos o paso polo km1 (4.25´´) decidimos irnos deixando caer detrás globo. 

Axiña cruzámonos por vez primeira con Juan á altura da Fábrica de Tabacos.

Creo que é de xustiza facer xa un apuntamento sobre a xente que animaba. En primeiro lugar, agradecer a Juan o seu cariño e perseveranza en seguirnos durante toda a proba. Foi un apoio constante. Ben sabe el canto Pili e eu o botamos de menos nas tiradas dos venres. Non son iguais.

En segundo lugar, os membros do Club de Atletismo Sada que non participaron na proba foron A CAÑA. Sempre, sempre, sempre, constantemente berrando os nosos nomes, con tanta ilusión por nós… GRAZAS DESDE O CORAZÓN, COMPAS.

Non sei en que momento un compañeiro do Car Marisqueiro sumóusenos. Foi unha compaña moi agradábel. Unha mágoa que alá polo km 30 os isquios non o respectaran porque tíñase merecido entrar con nós na meta. Grazas pola compaña Jorge Lamas.

Xa desde o km 2 voulle comentando a Pili que imos rápidos de máis pois son quilómetros 4.41´´, 4.42´´, 4.37´´ Díxenlle unha e mil veces que debíamos ir máis lento. Pero ela atopábase moi ben polo que decidimos tirar tratando de manternos entre 4.40´´ e 4.50´´.

Pasamos polo túnel, pola rotonda de Lonzas (en todas as pequenas subidas díxenlle que non había que forzar), por Ministerios. No km 9 tomamos o primeiro xel, segundo o previsto. No km 10 bebemos, ou iso intentamos. Imos cara a Oza. Imos na posición 372. Cómodos, cómodos, charlando, non moito pero relaxados. Continúamos coa compaña do CAR Marisqueiro. En cada cruce cos coñecidos animámonos mutuamente. Así da gusto correr. Imos a ata a Praza de Mina para rematar a primeira volta. Na segunda mantemos o ritmo fenomenal. Vou convencido de que Pili non vai fallar. Non vai aparecer o muro porque… para iso vou eu.

Desde o primeiro momento temos a sensación de que non deixan de pasarnos corredores. Dígolle que se somos constantes, desde a media seremos nós os que adiantemos xente.


Acompañados por Jorge, iniciando a segunda volta.

Na segunda volta, e despois de tomar o segundo xel (km 19) destacar que no avituallamento de Oza estaba a miña alumna Noa. Foi moi graciosa a súa reacción. Pasamos a Media Maratón en 1.38.57, na posición 385, cando o previsto era en 1.42´ e  a un ritmo inferior a 4.42´´. Seríamos uns inconscientes?

Cando chegamos a Riazor xorden os berros da pantasma dando ánimos. Que bozarrón. No km 25 xa imos de 368. Mantemos moi ben o ritmo e pasamos xente. É o territorio por onde temos adestrado moito e esa é a nosa forza. Coñecemos cada subida, cada baixada, onde hai que forzar e onde non. Temos as cabeciñas preparadas para o cansanzo e o sufrimento.

Imos acumulando quilómetros pero a cabeza non envía sinais de esgotamento. No km 29 tomamos o terceiro xel, no meu caso é o primeiro con cafeína. Seguimos fenomenal. Esta muller non deixa de sorprenderme.Subimos ata a rotonda da Torre, facémolo con forza. Subimos ritmo na baixada. Tiramos ata Riazor. Sabemos que cada vez falta menos. Estamos lembrando senscións dos adestramentos. Nada pode fallar. Imos convencidos de que a meta xa está agardando por nós.

É o meu momento. Para algo me paga. Comezo a falarlle moito. Ata ese intre non o fixera moito. Trato de que non pense. Unha perna tras outra. Unha perna tras outra. Na subida ata a Casa da Auga non forzamos pero recuperamos moito na baixada. Comezamos a pasar corredores que van pola primeira volta. Pasamos a Natalia e a Marisa (son unas auténticas heroínas estas ironwomen). Dígolle que na subida ata san Roque que non force. Pasamos o km 33,1 na posición 348. Sabemos que a cada quilómetro que pase, menos xente temos diante. Sempre en positivo.



Comeza a ir cansa. Pero seguimos con ritmos por baixo de 5´. Tiñamos comentado que esta última volta sería fantástico poder manter o ritmo de 5´. Pero nós… coma foguetes. No km 34 tomo o último xel, Pili non o quere. Facemos Riazor, pasamos a fonte dos Surfistas e Pili da os primeiros síntomas serios de esgotamento. Muda a faciana, xa non vai relaxada, semella que deixou de suar, que leva frío.

Coñecémonos moi ben. Ela sabe que sinais debe transmitirme e eu, creo, seille responder. Déixolle que faga a subida a ata a rotonda da Torre como queira, sen presión. É o momento no que somos adiantados por Juan e Fernando. Dobramos a rotonda e baixamos. Tarda en recuperar. Son os únicos tres quilómetros que superamos o ritmo de 5´ (de 5.10´´ a 5.02´´) Á altura do Surfistas recupera. Hai moita xente na beirarrúas. Os ánimos do público danlle novas forzas. Melloramos ritmos. Estamos rematando. Vou convencido de que vai facer Mellor Marca Persoal. É tempo de insultala e tirarlle gabanzas (agardo que máis o segundo co primeiro). Cámbialle a cara. Volve sorrir.
No km 40. Caras de ledicia

Praza de Pontevedra, km 41. Fenomenal. Tiramos. Tramos de forzar aínda máis. Cantóns: todos os berros de ánimo son para ela. Pásannos tres asturianos no Obelisco e… oh marabilla: Rúa Real ateigada de xente. Berros, de ánimo por doquier. Trato de que force pero non creo que me poida escoitar con tanta xente. Baixada para Rego da Auga e… María Pita. 


Collémonos da man.


Que grande.

Resultados: 3.22.16´´, de 340 e 341 sobre un total de 1073. Ela fai 5ª muller na absoluta e 1ª na súa categoría. Eu de 22. Media de 4.48”/km.


Ficamos abraiados polos premios acadados: 2ª absoluta no Campionato Galego de Maratón. 3ª muller galega, 1ª na categoría e 1ª na categoría do Campionato Galego. E, como colofón, as mulleres do CAS, primeiras.

No hay comentarios:

Publicar un comentario